Curso práctico de defensa persoal para mulleres

Escrito por Concello de Mos. Posteado en Actualidade

O prazo de inscrición iniciouse hoxe, 24 de febreiro, e estará aberto ata o vindeiro 6 de marzo

A concellería de Participación Cidadá mosense, dirixida pola edil Kely Monzón, tendo en conta o éxito dos anteriores cursos para mocidade do municipio, organiza un novo curso práctico de defensa persoal feminina gratuíto para todas as participantes.

“O curso de defensa persoal levarase a cabo para mellorar non só o estado físico, senón tamén mental, de todas aquelas mulleres que participen, incrementando desta forma a sensación de seguridade en sí mesmas e a súa autoestima” declarou a edil Kely Monzón. Será impartido por Manuel Sánchez Sánchez, titulado en defensa persoal policial polo Ministerio de Interior e entrenador nacional homologado pola Xunta.

Os obxectivos desta actividade son mellorar o coñecemento de técnicas de defensa persoal, mellorando así o benestar, potenciar a autoestima das participantes e o autocoñecemento e confianza persoal e tamén a de promover actividades que favorecen a saúde e o benestar físico e mental da poboación mosense, así como fomentar as relacións sociais entre dita poboación.

Os beneficiarios do curso son todas as mulleres maiores de 16 anos do Concello de Mos. Tamén, de non se cubrir todas as prazas dispoñibles, poderán participar mulleres doutros municipios interesadas nesta programación.

O número de alumnas por cada grupo será de 15 persoas, sendo o máximo 25, e impartirase no Pavillón Óscar Pereiro, parroquia de Petelos, os luns e mércores de 21:00 a 22:00 horas. A data de comezo do curso será o luns 10 de marzo e rematará o mércores 9 de abril.

As persoas interesadas en participar nesta actividade deberán inscribirse no Rexistro Xeral do Concello de Mos a partir de hoxe, e terán de prazo ata o xoves 6 de marzo. O listado de asistentes constituirase por rigorosa orde de entrada da solicitude no Rexistro do Concello, e o día venres 7 de marzo farase pública a lista de admitidos.