DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A exposición 'Exxperimenta en feminino' pasa a formato audiovisual

14 vídeos para coñecer 14 mulleres referentes no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías

Investigadoras do campus explican en pezas breves a relevancia de personaxes como Ada Lovelace

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Ourense
  • Divulgación
  • Igualdade
  • Investigación
DUVI Ourense 17/11/2020

14 vídeos curtos nos que investigadoras e profesoras de catro centros do campus de Ourense explican de xeito divulgativo a traxectoria e relevancia de 14 mulleres referentes no campo da ciencia, a tecnoloxía e as enxeñarías. Así se presenta a exposición virtual Exxperimenta en feminino, iniciativa que, ao igual que o proxecto no que se enmarca, ten como obxectivo último espertar en rapaces e rapazas a vocación científica suplindo a carencia de referentes femininos nestes campos.

Co gallo da conmemoración do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, desde o ano 2017 o campus de Ourense acolle anualmente en febreiro a feira divulgativa Exxperimenta en Feminino. Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, organizada por profesoras e investigadoras da Escola Superior de Enxeñaría Informática, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, a Escola Universitaria de Enfermaría e a Facultade de Ciencias. Co obxectivo de dar continuidade a esta acción, as súas promotoras puxeron en marcha este ano unha mostra itinerante para centros educativos do sur de Galicia composta por 14 pósteres, tipo roll up, sobre outras tantas mulleres cun destacado papel na investigación. Cada muller destacada foi elixida polas investigadoras de cada un dos 14 stands que formaron parte da edición 2020 de Exxperimenta atendendo á súa área de especialización.

Dar máis visibilidade

“En febreiro de 2021, por mor da situación sanitaria, non poderemos celebrar a xornada de forma presencial. Por iso, queremos poñer a disposición dos centros de ensino unha exposición virtual sobre destacadas científicas”, explican as responsables da iniciativa, as profesoras Alma Gómez, Julia Carballo e Nieves Lorenzo. Con este obxectivo, decidiron realizar unha serie de vídeos nos que a información contida na mostra itinerante é explicada por unha ou varias investigadoras do campus de Ourense que participou na elaboración dese material. “O que queremos é, tendo en conta a situación provocada pola covid-19, darlle máis visibilidade a esta exposición e aos seus contidos”, comentan desde a organización. Froito do traballo realizado, apuntan, os centros educativos e calquera persoa interesada, teñen na web do proxecto 14 vídeos curtos, de arredor de dous minutos cada un, nos que que as investigadoras da UVigo presentan “dun xeito ameno” 14 mulleres destacadas no seu eido de coñecemento. Moi satisfeitas cos materiais audiovisuais realizados, as responsables da iniciativa recalcan unha vez máis “a fantástica implicación das investigadoras que participaron neles”.  

A selección de mulleres da exposición abarca desde a investigación básica á aplicada, desde o ámbito galego ao internacional e desde a física á informática. Concretamente, a mostra virtual, que conta con financiamento da Fundación Española de Ciencia y Tecnología (Fecyt) e a Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo, ofrece información da física Mileva Maric; da física e pioneira na apicultura Eva Crane; da programadora Ada Lovelace; da astrónoma Antonia Ferrín; da bioquímica Margarita Salas; da química e nutricionista Elsie Widdowson; da enxeñeira química Frances Arnold; da enfermeira Isabel Zendal; da microbióloga Esther Lederberg; da psicóloga e bióloga Linda B. Buck; da química industrial e farmacéutica María José Núñez; da farmacéutica e química Tarsy Carballas; da tecnóloga dos alimentos Concepción Llaguno e da química e farmacéutica Teresa Toral.

Alén da posta en marcha desta iniciativa, a mostra itinerante, formada por 14 pósteres físicos, segue dispoñible, podendo ser solicitada polos centros de educación Primaria e Secundaria do sur de Galicia interesados. Para máis información, desde a organización indican que os centros interesados pódense pór en contacto no enderezo electrónico exxperimentaenfeminino@uvigo.es.