«Levo as sensacións á pintura, sempre con ironía e humor»

KATIA ARMESTO / l.d MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

ALBERTO LÓPEZ

HumberJumber, o artista que fai «un pouco de todo»

11 ago 2013 . Actualizado a las 07:00 h.

HumberJumber, na casa coñecido como Humberto Loureiro, é un soberino de trinta anos ao que lle gusta pasar polo «home da máscara». Pintor, pinchadiscos, camareiro, organizador de eventos e deseñador son algunhas das súas facetas.

-De preguntarlle a que se adica... ¿que respondería?

-Adícome a moitas cousas. Estudei ilustración e deseño gráfico en Ourense e licencieime en belas artes en Pontevedra. Son pintor, pero como da pintura non se vive, traballei sempre. En bodegas, alimentación, fun panadeiro, electricista... Son un rapaz multidisciplinar e sempre intentei seguir na miña liña de traballo creativa.

-Dentro desta liña creativa ¿cales son os seu traballos?

-Móvome no ámbito da pintura en óleo sobre todo. Pero tamén no deseño gráfico, na publicidade, nos obradoiros creativos, muralismo, decoración de locais e na música.

-¿De onde o nome HumberJumber?

-Foi un apodo que me puxeron os meus compañeiros cando estudaba na escola de arte. Ten relación co meu nome e co famoso protagonista do filme Lolita.

-¿Rapaz de aldea ou de urbe?

-Das dúas cousas. Eu marchei moi novo da casa e vivín fóra, sempre en cidades grandes. Ata hai tres anos que viñen para aquí, agora vivo na miña casa natal que heredei do meu pai. Vivo coa miña irmá e estou moi ben. Teño os viñedos, a tranquilidade, e a inspiración para crear. No taller que teño alí en Sober é onde máis me relaxo.

-¿Cando lle comezou a latexar a vea artística?

-Foi cando tiña dezaseis anos, cando deixei un pouco a música de lado para adicarme á pintura. Pasou de ser unha afección a querer adicarme a ela. E aínda que traballe noutras cousas, a pintura nunca a deixarei de lado.

-¿Como definiría o seu estilo?

-O que eu intento é levar as miñas sensacións interiores á pintura, as miñas obsesións, os meus medos. Sempre, iso si, cun forte sentido do humor e da ironía. As miñas obras están cheas de cores e gústame tratar temas fortes e comprometidos.

-¿Que constantes podemos atopar nas súas obras?

-Pódense presenciar as miñas influencias da literatura e outras tendencias estéticas que me inspiran. Sempre me interesou o gótico, o expresionismo alemán e sobre todo a iconografía relixiosa, por evocar ese goce estético da contemplación das figuras. Eu non quería pintar virxes nin santos, pero si os propios demos do meu imaxinario.

-Hai obras murais súas en Monforte, ben recoñecibles...

-Si, foi un traballo feito con rapaces. Tratábase de conseguir que os máis novos coñeceran este mundo e de facer un repaso das técnicas pictóricas, o spray, o rodillo. Hai moitas posibilidades e combinacións dentro da arte.

-Nestes momentos, ¿que ocupa o seu tempo?

-¿Algún proxecto ambicioso?

-Para despois do verán, estou intentando organizar o evento Pechakuxa 20x20 en Monforte. Trátase de dinamizar as ideas dos artistas emerxentes da cidade. Porque é moi importante a fusión e o darse e coñecer. No caso de levarse a cabo, sería unha forte aposta e estaríamos en contacto cunhas 600 cidades do mundo que organizan este evento paralelamente.

HUMERTO LOUREIRO «Humberjumber» artista multidisciplinar