A Xunta baralla privatizar actividades de Tempo Libre

Os colectivos que se encargan das Escolas de Tempo Libre denuncian a entrada de centros privados e a posibilidade de que menores de idade poidan ser directores de tempo libre.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/05/2017 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia leva algún tempo preparando un novo documento para renovar as actividades de Tempo Libre do país. O novo marco normativo suporía a fin das Escolas de Tempo Libre, a curto ou medio prazo, e abriría a porta a centros privados de ensino, ademais de permitir a persoas menores de idade exercer como monitoras de Tempo Libre. Por iso, o sector está chamado a consultas, o día 20 de maio, en Santiago de Compostela.

Traballadoras dun centro de tempo libre
Traballadoras dun centro de tempo libre

A finais do mes de marzo a Xunta de Galicia anunciou que estaba traballando na elaboración dun novo Decreto que regule os servizos á Xuventude e traia consigo a derrogación do marco normativo actual do Tempo Libre en Galicia, pretenden a súa entrada en vigor neste mesmo ano 2017. O borrador do Decreto que lanzou recolle transformacións profundas, que cambiarán o panorama do eido do Tempo Libre na comunidade.

As Escolas de Tempo Libre son entidades sen ánimo de lucro que naceron a raíz de profesionais do lecer que pretendían dar a coñecer e propagar a educación no Tempo Libre. “Se se opta pola implantación única dos certificados de profesionalidade, a maioría non poderán adaptarse aos requirimentos de espazos e pecharán”, apuntan desde o colectivo Somos Tempo Libre.

Así, insiste en que se conserva a formación dual, “os títulos propios desvalorizaranse e as Escolas de Tempo Libre irán pechando pouco a pouco en favor de centros privados de ensino”.  Por iso, dende o colectivo Somos Tempo Libre acudirase ás protestas solicitando máis tempo para poñer en marcha un proceso de participación colectiva que asegure a idoneidade dunha reforma de tanto calado.

Directores menores

Outro punto polémico do futuro decreto é que menores de idade poidan ser directores destas escolas. Segundo a proposta do novo decreto, poderíase obter o título de monitora de Tempo Libre con só 16 anos. Así mesmo, unha persoa podería titularse como directora de Tempo Libre e exercer como tal sen ter sido previamente monitora.

Por outra banda, e segundo indica este colectivo, todas as actividades de Tempo Libre que non inclúen facer noite tres días ou máis, ou aquelas que se desenvolven en instalacións fixas, seguen sen regulación. Pode haber campamentos de fin de semana sen unha soa monitora titulada, ou obradoiros nos que unha soa monitora estea a cargo de 50 rapazas.

Propostas

Nun comunicado Somos Tempo Libre lembra que noutras comunidades autónomas, por exemplo, estanse a explorar vías alternativas que aquí aínda non se explotaron, “despois de procesos de participación colectiva que duraron anos”. Por iso, demanda á Dirección Xeral de Xuventude a ampliación dos prazos e a planificación, “con calma”, dun proceso de participación elaborado e completo, “resultado da suma de todos os puntos de vista do sector e de explorar todas as posibilidades existentes; que aprenda e beba do realizado noutras comunidades e que abra suficientes espazos de reflexión, debate e toma de decisións”. 

O sábado 20 de maio a Administración convoca un Foro Aberto en Compostela no que todas as persoas do mundo do Tempo Libre están citadas a participar. Cómpre apuntarse na web de Xuventude para asistir, antes do luns, 15 de maio. “Dende Somos Tempo Libre queremos animar á asistencia e á participación neste Foro para achegar unha mensaxe clave: precisamos máis tempo para a elaboración do novo Decreto, máis #TempoParaOTempoLibre”, insiste esta entidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta