Comarca do Morrazo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comarca do Morrazo
ProvinciaProvincia de Pontevedra
Área140,64 km²
Poboación82.439 hab. (2021)
Densidade586,17 hab./km²
ConcellosBueu
Cangas
Marín
Moaña
Xentiliciomorracense

A comarca do Morrazo é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra. Pertencen a ela os concellos de Bueu, Cangas, Marín e Moaña. Limita ó norte coa ría de Pontevedra, ó leste coa comarca de Pontevedra, ó sur coa ría de Vigo e ó oeste co océano Atlántico.

É a comarca máis pequena de Galicia (140,64 km², o 0,48% de Galicia).[1] Tiña 82 439 habitantes no 2021, sendo a terceira comarca máis densamente poboada da comunidade (584,66 hab/km²).[2]

É unha das comarcas naturais e sociolóxicas con máis carácter de Galiza polo seu condicionamento xeográfico. A actual comarca administrativa correspóndese só cunha parte da comarca xeográfica e histórica, a Península do Morrazo, que abrangue tamén o concello de Vilaboa (agás a parroquia de Bértola e unha parte da de Figueirido, e o barrio de Paredes na parroquia de Vilaboa). Tamén forma parte da península as parroquias pontevedresas de Lourizán e a maior parte da de Salcedo. Antigamente mesmo a propia cidade de Pontevedra estaba incluída no arciprestado do Morrazo.

O concello de Vilaboa, malia pertencer ó partido xudicial de Cangas, foi integrado na comarca de Pontevedra debido a factores de funcionalidade, e as parroquias pontevedresas de Salcedo e Lourizán por pertencer ó propio concello capitalino. Nun principio tampouco se incluíu o concello de Marín, pero a petición dos seus habitantes, foi integrada na do Morrazo.

Municipios[editar | editar a fonte]

     PP      BNG      Alternativa Canguesa de Esquerdas

Os municipios que forman a comarca do Morrazo son:

Bueu: Municipio de 11.950 habitantes[3] situado ó noroeste.

Marín: Municipio de 24.242 habitantes[3] situado ó nordeste. Posúe un dos portos de pesca conxelada máis importante de España, tamén é a sede da Mariña.

Moaña: Municipio de 19.452 habitantes[3] situado ó sueste. Posúe a sede de Fandicosta e estaleiros.

Cangas do Morrazo: É o municipio máis poboado e importante da comarca, residen nel 26.708 persoas.[3] É un dos puntos turísticos máis importantes de Galicia.

Vilaboa: Este municipio foi historicamente da comarca do Morrazo, pero agora pertence á de Pontevedra.

Economía[editar | editar a fonte]

A economía da comarca baséase no sector servizos e na pesca. Actualmente hai activas na comarca preto de 34.000 persoas.

Delas teñen emprego 29.821 (xuño do 2022) e están desempregadas 5.630.[4]

O Morrazo posúe varios portos:

Porto de Marín: É un porto moi importante no ámbito da pesca fresca, sitúase nun dos postos máis importantes en descarga de peixe de España.

Porto de Cangas: É un porto de baixura, importante no ámbito galego. Un dos portos de baixura máis importantes de Galicia.

Porto de Bueu: É un porto de baixura, destaca pola descarga do polbo.

Porto de Moaña: É un porto no que destaca a descarga de mexillón.

Porto de Aldán: É un porto no que destaca a descarga de mexillón.

O turismo tamén é un factor moi importante na comarca sobre todo no municipio de Cangas, aínda que o turismo é importante en toda a comarca. Esta conta con numerosas praias e numerosos quilómetros de costa.

Sectores produtivos na Comarca do Morrazo
Sector Primario 8,76 %
Sector Secundario 23,43 %
Sector Terciario 67,74 %

Demografía[editar | editar a fonte]

A poboación do Morrazo era de 82.439 habitantes no 2021. A comarca conta cun saldo vexetativo negativo e un saldo migratorio que se alterna por anos. Ao longo da década dos anos dez do século XXI, o concello de Marín foi superado polo de Cangas en poboación.[5] O número de habitantes de Cangas mantívose á alza durante todo o século XXI, experimentando un crecemento constante durante os anos. Caso semellante, pero menos importante en canto a cifras foi Moaña que mantivo unha lixeira tendencia ascendente, mentres que pola contra no de Bueu e especialmente no de Marín a tendencia foi descendente.[5]

Padrón municipal 2020 82.226 habitantes[4]
Menores de 15 anos 11.328 (13,78 %)
Entre 16 e 64 anos 53.340 (64,87 %)
Maiores de 65 anos 17.558 (21,35%)

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal na Galería de imaxes da comarca do Morrazo

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "IGE. Táboas". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2021. Consultado o 2021-05-09. 
  2. "IGE. Táboas". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2021. Consultado o 2021-05-09. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 "IGE. Táboas". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2021. Consultado o 2021-05-09. 
  4. 4,0 4,1 "IGE - Información comarcal". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2021. Consultado o 2021-05-09. 
  5. 5,0 5,1 "IGE. Táboas". www.ige.eu. Arquivado dende o orixinal o 20 de setembro de 2021. Consultado o 2021-05-09.