Un paseo polos símbolos románicos do Saviñao

Francisco Albo
francisco albo MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

O escritor Xosé Lois García publica un estudo sobre sete igrexas do municipio

03 nov 2022 . Actualizado a las 17:09 h.

O escritor chantadino Xosé Lois García presentará o venres en Escairón -na casa consistorial, ás 20 horas- o seu libro Simboloxía do románico do Saviñao, no que analiza a iconografía de sete igrexas de orixe medieval do municipio. A obra, editada polo Concello do Saviñao e a Consellería de Cultura, segue un esquema moi similar ao doutros traballos que García dedicou anteriormente ao patrimonio románico de Pantón, Sober e Chantada, publicados respectivamente en 1999, 2008 e 2010.

De acordo con este esquema, cada capítulo do libro -todos eles ilustrados con numerosas fotografías- está dedicado a unha das sete igrexas románicas que se conservan no municipio do Saviñao: San Vitorio de Ribas de Miño, Santo Estevo de Ribas de Miño, Santo Estevo de Diomondi, San Lourenzo de Fión, San Martiño da Cova, Santa María de Marrube e Santa María de Seteventos. O autor describe en detalle cada un destes monumentos e ofrece a súa propia interpretación das figuras que poden verse nos conxuntos escultóricos. Para isto sérvese de múltiples fontes que van desde a Biblia ata tratados medievais de filosofía e teoloxía, pasando por estudos sobre arte románica e iconografía cristiá. Na bibliografía que manexou para realizar este estudo, García cita un total de 203 obras de diversas épocas.

Ribas de Miño e Diomondi

As igrexas que ocupan máis espazo no libro de Xosé Lois García son as de Santo Estevo de Ribas de Miño e Diomondi, que destacan especialmente neste conxunto monumental polas súas dimensións e pola súa riqueza artística. No capítulo dedicado á primeira delas, o autor fai fincapé na influencia da escola compostelá do mestre Mateo -xa sinalada por outros investigadores- e analiza extensamente o coro de músicos representado nas esculturas da portada, que recorda as figuras do Pórtico da Gloria. O escritor apunta por outro lado que nesta igrexa están particularmente presentes «as temáticas decorativas e simbólicas que representan a produción vinícola e cerealística», que tamén poden verse nos outros templos do Saviñao, como «xermolos de videira, acios e gran de pan».

García tamén resalta o valor da igrexa de San Vitorio de Ribas de Miño, menos coñecida que as anteriores, que cualifica como «excelente museo pétreo». Na súa opinión, a ausencia de motivos antropomórficos e zoomóficos e predominio das decoracións xeométricas e vexetais neste templo é un indicio do influxo da orde do Císter, que propugnaba esta estética austera e rigorista.

Os capítulos dedicados ás restantes igrexas son menos extensos, pero o autor sinala que todas elas presentan un notable valor artístico e histórico a pesar das importantes alteracións que algunhas sufriron ao longo dos séculos. García apunta tamén que no Saviñao houbo máis templos románicos que non se conservan hoxe, pero que se sabe da súa existencia polas pías bautismais que quedaron.

Últimos percorridos guiados do consorcio da Ribeira Sacra

Entre hoxe e o sábado levaranse a cabo o últimos percorridos guiados da temporada polas igrexas románicas da zona que organiza o consorcio de turismo da Ribeira Sacra. A ruta de hoxe discorre polo municipio do Saviñao. As persoas que queiran participar deben presentarse ás 16.30 horas diante da casa consistorial de Escairón cos seus vehículos particulares. O itinerario pasará polas igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, Diomondi e Seteventos, así como o dolmen de Abuíme.

A ruta prevista para mañá ten por escenario o municipio do Sober. O punto de reunión será a praza do Concello, ás catro e media da tarde. O percorrido comprende as igrexas de Lobios, Pinol e Proendos, ademais do Centro Oleiro de Gundivós e o miradoiro de Santiorxo, no canón do Sil. O percorrido do venres será no municipio de Pantón. O participantes reuniranse ás 16.30 horas no mosteiro das Bernardas de Ferreira e visitarán seguidamente as igrexas de Eiré, Atán e Pombeiro.

Na última xornada, a do sábado, haberá unha ruta pola mañá e outra pola tarde no municipio de Chantada. As saídas serán na Casa da Cultura ás 10.30 e ás 16.30 horas. O primeiro percorrido pasará polas igrexas de Brigos, Requeixo, Bermún e Mouricios. Pola tarde visitaranse os templos de Santa María de Pesqueiras, San Salvador de Asma e Nogueira de Miño.