DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A covid-19 impediu que tivese lugar en Pontevedra, que podería ser a súa sede en 2021

Un congreso virtual reunirá máis de 500 especialistas e profesionais da educación

Organizado polas universidades de Granada, Vigo, Minho e Porto

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Internacional
  • Saúde
  • TIC
  • Investigación
DUVI Pontevedra 22/10/2020

Pontevedra ía ser neste 2020 a sede do oitavo International Congress of Educational Sciences and Development, un evento dirixido a académicos, investigadores e profesionais das ciencias da educación e a psicoloxía do desenvolvemento que a crise sanitaria xerada pola covid-19 obrigou a converter en virtual. Entre o mércores 28 e o venres 30, máis de 500 especialistas e profesionais de 17 países participarán, a través da rede, nun congreso que coorganizan o grupo de investigación CTS-261 da Universidad de Granada, a Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, o Instituto de Educaçao da Universidade do Minho e a Facultade de Psicoloxía e de Ciências da Educação da Universidade de Porto, coa colaboración de máis de 30 institucións.

Con sede rotatoria, trátase dun congreso que anualmente o grupo CTS-261 promove conxuntamente con outra serie de institucións, como o Instituto de Educaçao da UMinho ou a universidade sede de cada edición. Segundo explica a presidenta do seu comité organizador, a profesora da Universidad de Granada María de la Paz Bermúdez, “desde a súa primeira edición, en 2013, o congreso celebrouse de maneira totalmente presencial, e nesa modalidade estaba previsto celebralo en abril en Pontevedra”. A crise sanitaria e o estado de alarma levaron naquel entón a adiar o evento ata este mes de outubro, “mantendo a modalidade presencial e ofertando por primeira vez a virtual”, mais a evolución da pandemia obrigou finalmente a ter que adaptar o seu programa a un formato "100% virtual”. 

Non obstante, recalca Bermúdez, “a idea da organización é poder celebralo en 2021 de maneira presencial en Pontevedra”, aspecto no que tamén incide o vicerreitor do campus e presidente do comité científico do congreso, Jorge Soto. “Xurdiu a posibilidade de traelo a Pontevedra, que é unha cidade cunhas características idóneas para recibir un congreso como este, de ámbito internacional, pero a covid obrigounos a virtualizalo”, explica o vicerreitor. De cara a 2021, “o obxectivo é, se a situación o permite, celebralo en Pontevedra de xeito presencial”, subliña Soto, responsable así mesmo de impartir unha das conferencias incluídas no programa deste foro internacional, que centrará nas competencias emocionais e sociais. O vicerreitor do campus pon o foco no interese que para a institución académica ten acoller e participar na organización dun foro internacional, “que focaliza nun mesmo lugar o traballo de moitos sectores da educación”, polo que constitúe un “potente foco de aprendizaxe, así como de posta en valor do campus”.

Máis de 500 participantes, 37 áreas temáticas

O congreso reunirá de xeito virtual, nun apartado privado da súa web, máis de 500 académicos, profesionais, investigadores e estudantes de ámbitos como a educación, a pedagoxía, a psicoloxía, o traballo social ou a socioloxía. Co propósito de que poidan “compartir e debater coñecementos teóricos e prácticos sobre diversas áreas temáticas”, o programa deste congreso abrangue oito conferencias e cinco sesións prácticas, relatorios cun enfoque aplicado, a cargo de expertos e expertas de universidades de España, Portugal, Alemaña, Noruega, Italia e Arxentina. Ao longo destes tres días desenvolveranse ademais preto de 40 simposios convidados, nos que un grupo de catro ou cinco relatores e relatoras debaterá sobre unha temática concreta. 

A este programa de conferencias e simposios súmase a presentación de preto de 500 comunicacións orais e pósters por parte de investigadores e investigadoras de diferentes países, cuxas achegas sitúan en 37 as áreas temáticas que abrangue o programa científico desta edición. “A actualidade é a que determina os temas que se tratan de maneira ampla”, recoñece Bermúdez, que incide neste punto en como aumentou nesta edición o número de traballos sobre innovación docente e novas tecnoloxías, “centrados nos procesos seguidos en diferentes países para adaptar a docencia presencial á virtual durante o período de confinamento”. Do mesmo xeito, terán tamén unha “importante representatividade” temáticas “como a psicoloxía positiva e as intervencións baseadas no mindfulness no ámbito educativo, os deberes escolares, os usos e abusos da categoría hiperactividade, o ocio dixital, a violencia desde múltiples ámbitos, os programas de adestramento en competencias para pais e nais, o abandono académico ou o desenvolvemento sostido”.