Un total de 17 ideas galegas compiten en concurso europeo de navegación por satélite ESNC 2015 Galician Community Challenge. O consorcio da Zona Franca de Vigo premiará a mellor de Galicia, que pasará a medirse en Alemaña coas iniciativas doutras 24 rexións europeas. Todas as ideas presentadas no noso territorio están asociadas a sectores TIC e da electrónica. Con elas conseguiuse que Galicia o posto posto 11 nesta competición.
“Esta convocatoria foi un éxito absoluto” declararon tanto a delegada Teresa Pedrosa coma o profesor da Universidade de Vigo Francisco J. Diaz-Otero, punto de contacto en Galicia da organización do concurso European Satellite Navigation Competition 2015, ao peche este martes do prazo de presentación de ideas.
Todos os proxectos galegos están asociados a sectores TIC e da electrónica
Agora, un xurado composto membros da Axencia Espacial Europea, por profesores universitarios e representantes do Consorcio, de Axencia Galega de Innovación (Gain) e do Igape avaliará de aquí ao mes de setembro as 17 ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite. De aí sairá o gañador que representará a Galicia na seguinte fase de avaliación. Será nese momento cando se seleccionen os gañadores dos sete premios internacionais e o primeiro premio ou Galileo Masters, que se entregarán nunha cerimonia en Berlín o próximo día 20 de outubro.
Concurso internacional
Con este número de participantes, Galicia superou a territorios como Guipúscoa e Madrid e quedou con só un proxecto menos que Barcelona e Valencia. O ESNC Galician Community Challenge, do que é socio principal o Consorcio da Zona Franca de Vigo en colaboración co Igape e Gain, é un concurso internacional de innovación que premia as mellores ideas para o desenvolvemento de aplicacións de navegación por satélite, sen importar o estado de desenvolvemento no que se encontre o proxecto, servizo ou idea de negocio. Este concurso, que xa vai pola súa edición número 12, está dirixido a empresas, emprendedores, investigadores, estudantes ou inventores.
Todas as ideas presentadas en Galicia están asociadas a sectores TIC e da electrónica. Das 17 presentadas, 12 formulan ideas de negocio completas. Hai que destacar que da Universidade de Vigo proceden a metade das ideas do concurso.
Galicia ocupa o posto número 11 entre as 25 zonas europeas que compiten
Despois da última selección, os premiados internacionais participarán o 21 de outubro, no ministerio alemán de Transportes e Infraestrutura Dixital, na segunda edición do Satellite Masters Conference, ao que seguirá, o 22 do mesmo mes, a celebración do European GNSS R&D Day, tamén na sede ministerial de Berlín.
Dos sectores nos que se fixaron os posibles desenvolvementos destaca o de servizos baseados na localización a través do móbil e o da prestación de servizos de seguridade. A observación da terra, servizos públicos e sociais, as aplicacións industriais ou servizos de alta precisión son os campos nos que tamén se fixaron os inventores galegos.
Como comentou na súa visita a Porto do Molle o voceiro da Axencia Espacial Europea en España, Javier Ventura-Traveset, “a navegación por satélite e o sistema Galileo é unha extraordinaria oportunidade para o desenvolvemento de aplicacións nun sector en exponencial crecemento no mundo desenvolvido”.
Consciente diso, a delegada Teresa Pedrosa afirmou que o Consorcio poñerá todo o seu saber facer no apoio a este novo sector de emprendedores e por iso en Galicia, ademais de poder concorrer ao resto dos premios, o gañador rexional terá un ano de incubación nun dos viveiros de empresa do Consorcio da Zona Franca de Vigo, partner principal da competición.