Venres 19 Abril 2024

Unha nova molécula mellora o tratamento do cancro de mama

Un grupo de investigación da Universidade de Santiago, en colaboración con científicos das Universidades da Coruña e Vigo, o Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo, o Sergas e o Hospital de Jove en Xixón, descubriron un novo tratamento contra o cancro de mama baseado na combinación de novos análogos de vitamina D con quimioterapia. Este grupo formado por químicos, biólogos e médicos está moi esperanzado en poder desenvolver como fármaco o produto xa que podería ser de especial interese no tratamento de desordes hiperproliferativos como o cancro ou a psoriase.
Os resultados do traballo Pit-1 inhibits BRCA1 and sensitizes human breast tumors to cisplatin and vitamin D treatment  acaban de ser publicados na revista estadounidense especializada en cancro OncotargetNel, os investigadores describen que a combinación de novos análogos de vitamina D coa quimioterapia utilizada de forma habitual no tratamento do cancro de mama máis agresivo é máis efectiva que a administración de quimioterapia de forma illada. O traballo está asinado polos seguintes investigadores: Samuel Seoane, Efigenia Arias, Rita Sigueiro, Juan Sendón-Lago, Anxo Martínez-Ordóñez, Esteban Castelao, Noemí Eiró, Tomás García-Caballero, Manuel Macía, Rafael López-López, Miguel Maestro, Francisco Vizoso, Antonio Mouriño e Román Pérez-Fernández.

Os investigadores contactan con famacéuticas interesadas no fármaco

Os autores demostran que a administración combinada de análogos de vitamina D e cisplatino actúa sinerxicamente, inhibindo a proliferación celular, estimulando a apoptose (morte celular programada), aumentando o dano no ADN e reducindo o crecemento tumoral, tanto en liñas celulares de cancro de mama en ratos como en células illadas de tumores de pacientes con esa enfermidade.
Aínda que esta combinación foi xa utilizada previamente, neste caso faise cunha molécula deseñada polo grupo de Química Orgánica da USC dirixido polo profesor Antonio Mouriño, experto en síntese de análogos de vitamina D. Esta molécula posúe unha serie de modificacións na súa estrutura que fan que manteña as propiedades da vitamina D sintetizada no organismo pero evita efectos secundarios como o incremento de calcio en sangue, que a doses elevadas pode resultar tóxico. As súas propiedades fan que o novo composto sexa ademais potencialmente adecuado para outras patoloxías, como por exemplo a psoriase.
Este novo análogo de vitamina D está protexido a través dunha patente propiedade das universidades de Santiago de Compostela e A Coruña e do Sergas. Tanto Samuel Seoane, Efigenia Arias, Antonio Mouriño e Roman Perez-Fernandez (USC), como Miguel Maestro (Universidade da Coruña) e Esteban Castelao (Instituto de Investigación Biomédica Ourense-Pontevedra-Vigo), todos autores, están xa en contacto con empresas farmacéuticas interesadas no seu desenvolvemento como fármaco para o seu futuro uso en pacientes.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Un equipo da UDC patenta un sistema pioneiro que mide a postura vertebral en tempo real

Investigadores do CITENI crean unha tecnoloxía non invasiva e de baixo custo para mellorar o diagnóstico e tratamento das doenzas da columna

Un novo test de saliva detecta o cancro de mama en só cinco segundos

Un equipo internacional identifica os tumores de maneira máis rápida, barata e precisa que os sistemas tradicionais

A toxoplasmose é un factor de risco para o envellecemento inflamatorio nos maiores

Un estudo da UDC demostra que as persoas cunha resposta de anticorpos máis forte á infección tiñan máis probabilidades de ser fráxiles