«Un proxecto non ten recorrido cando o capitán deixa o barco»

Luis Díaz
luis díaz MONFORTE / LA VOZ

MONFORTE DE LEMOS

Tomé cre que a súa candidatura non so terá eco entre os votantes do PSOE

19 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

É difícil non toparse estes días con José Tomé nalgunha rúa. O candidato do PSOE non escatima esforzos no seu cuarto asalto á alcaldía de Monforte, onde se deu de alta no censo municipal hai 38 anos. Nacido en 1957 en Guitiriz, traballa de profesor na escola de capacitación agraria. Foi secretario xeral de formación de UXT en Galicia, deputado autonómico polo PSOE e primeiro tenente de alcalde de Monforte entre o 2003 e o 2007, nunha coalición co BNG que agora podería reeditarse. Pero esta vez, Tomé quere ser o alcalde.

-¿Foi o sindicalismo unha boa escola política?

-O sindicalismo é unha boa escola de aprendizaxe que, a certos niveis, tamén che permite facer contactos. Cando fun elixido secretario do consello estatal de formación profesional, tiven a sorte de tratar coa cúpula empresarial e sindical. Alí coñecín ao presidente de Pacadar.

-¿Quédanlle ganas aínda de falar dese proxecto?

-Pacadar non foi realidade porque os terreos que mercou a Deputación non se puideron recualificar por un informe negativo do Concello. Está a disposición de quen o queira ver. A miña intención é conseguilo agora a través do plan xeral, a solución que propoñían os técnicos despois da negativa do Concello.

-¿Non renuncia entón a que chegue a instalarse Pacadar?

-A recualificación serviría para impulsar o uso industrial deses terreos, con Pacadar ou con outra empresa.

-Máis dun concelleiro de Cultura dixo que a nosa industria son as festas de agosto.

-O comercio e a hostalería están facéndoo moi ben, pero sen industria non van aguantar.

-¿Á cuarta vai a vencida?

-Agardo que os veciños nos dean desta vez a oportunidade pola que levamos loitando moito tempo. Cando o propio capitán abandona o barco, é que o proxecto xa está esgotado.

«Estou nunha posición política centrada, non son ningún talibán»

Calculado ou sincero, vese optimismo no PSOE. Tomé non o agocha. «Penso que toca cambio. É a percepción que teño cando saio á rúa e falo coa xente», di o candidato socialista.

-¿Suprimirá o «cubeo»?

-Respectarei o contrato de limpeza. Unha administración ten que ser seria no cumprimento dos seus compromisos. Antes de que remate o contrato, haberá outras eleccións municipais. Será o momento de falar diso.

-Insiste en que non desfará nada do que xa estea feito.

-Neste concello hai moitos malos precedentes. Co PP enterrouse a cimentación do concello que ía no Parque dos Condes. O BNG meteu nun caixón un plan xeral e dedicouse a retirar as fontes que había... Levantaron tres veces a Compañía, pero rúas como Lois Pereiro e Rof Codina seguen sen ter saída. Non se poden tirar así os cartos cando hai necesidades importantes.

-¿Mellor Pilar López para un posible pacto postelectoral?

-Para min é exactamente igual, porque os intereses de Monforte están por diante das persoas. A nosa obriga é que haxa un goberno estable, que cumpra. Dá igual Pilar que Severino, o importante é un traballo útil.

-Espera bos resultados. ¿A custa de quen medrará o PSOE?

-Hai persoas que noutras eleccións votaron ao BNG ou ao PP que agora poden pensar que a nosa opción é a mellor. Nas municipais inflúe a persoa máis que as siglas. Considero que en política estou nunha posición centrada, non son ningún talibán.