«Hai cousas que nos poden quitar votos, pero queremos dicilas»

MONFORTE DE LEMOS

ROI FERNANDEZ

Nesta nova formación política non se deixan desanimar polas enquisas

15 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Maribel García estaba detrás da pancarta de cabeza na histórica manifestación do 2013 en defensa do hospital de Monforte. Enfermeira 58 anos e nacida na Fonsagrada, a expresidenta da plataforma pola sanidade pública dá agora o salto desde os movementos sociais á área política como cabeza de lista de Esperta Monforte!, a versión local das mareas que proliferan nas cidades. Pero aquí sen cuotas de partido.

?A última enquisa de Sondaxe non lles daba un bon resultado. ¿Decepcionados?

?Para nada. Esa enquisa foi feita nun momento no que aínda non tiñamos presentado o programa e para moita xente nin eramos coñecidos como candidatura.

?Insisten vostedes moito en que son distintos, pero candidaturas independentes sempre as houbo.

?Fainos diferentes a maneira de facer as cousas. Nin o cabeza de lista nin a propia candidatura decide pola súa conta máis que cousas mínimas. Todo o importante foi decidido polo conxunto de cidadáns que estiveron nas asembleas. Nós tiramos da participación da xente.

?No seu programa hai catro tipos de propostas: compromisos, iniciativas, proxectos e ideas. ¿Son ganas de complicar ou é por explicar ben as cousas?

?É por explicalo ben, porque non queremos vender fume. Estes días oímos promesas que xa nos gustaría a nós que se cumprisen. Comprometémonos a estar ao lado de todo aquel que traia esas cousas que agora promete. Sexa quen sexa. Pero é que iso mesmo ou cousas moi semellantes xa o ofreceron hai catro anos, e hai oito... E non chegaron. Nós non queremos entrar niso. Compromisos son as cousas que dependen da nosa vontade e traballo porque se fan con pouco gasto. Temos ademais ideas e proxectos grandes, pero non asumimos o compromiso de facelos nestes catro anos porque non dependen só de nós. 

?Imaxínese como alcaldesa. ¿Cales destas propostas realizables lle faría máis ilusión aplicar directamente?

?Contarlle a xente en que se gasta ata o último euro do Concello. Queremos que todo o mundo o poida comprobar vindo ao concello ou a través de Internet. E iso si que depende de nós.

?Algunhas propostas súas poden resultar polémicas. Límite de 30 por hora no casco urbano, implantación da ORA... ¿Aplicaríanas pase o que pase?

?Por suposto. Esas propostas van nos compromisos, son cousas que non custan cartos.

?Quero dicir que se poden encontrar con contestación social.

?Si, pero o que lle pedimos á xente é que pense se quere ter un Monforte do que gozar ou prefire que o sigamos destruíndo. Estas cousas pódennos quitar votos, pero queremos dicilas.

?Hai quen os ve como unha candidatura b de Severino Rodríguez ou do BNG.

?Equivócanse, e moito.

?Pero é que vostede estivo nunha candidatura do BNG.

?Efectivamente, eu fun nunha candidatura hai oito anos, e porque mo pediu Severino. De absoluto recheo, todo hai que dicilo. Pero a realidade é que hai tempo que deixei de ser membro do BNG. 

?¿E por que?

?Eu nunca militara antes. Coincido con algúns aspectos do nacionalismo, pero non son unha persoa de doutrina de partido. Teño unha cabeza moi libre, gústame opinar libremente, mirar á xente libremente. Xulgo ás persoas polo que fan e non polo partido no que están. Por iso estiven no BNG, por algunhas persoas. Pero igual a miña cabeza libre non encaixaba ben no BNG.