«Só pactaríamos co BNG se poñen as contas ben clariñas»

MONFORTE DE LEMOS

CARLOS CORTES

Carretero di que o futuro de Monforte non pode estar «só nas residencias»

14 may 2015 . Actualizado a las 23:21 h.

Amaro Carretero naceu en Monforte hai trinta anos. É onde vive e onde lle gustaría seguir, aínda que non as teña todas consigo. «Vai depender das municipais, de se son elixido concelleiro. Non debería ser así, pero as circunstancias mandan», di o candidato de Esquerda Unida (EU). No panorama do emprego local, os seus estudos de arte dramático non teñen moito encaixe. É unha situación coa que se atopa moita xente nova. «A nosa mensaxe vai dirixida á mocidade e á esquerda social. Hai que escoller entre un Monforte de residencias e outro onde tamén poidan vivir os netos», explica Carretero.

-¿Hai apatía na xuventude?

-A xuventude cada vez é máis participativa. Moita xente nova volve a Monforte rebotada das cidades, onde é difícil ter traballo. Hai pouco tivemos un encontro moi interesante de creadores das artes escénicas, a música o audiovisual. Pareceume moi esperanzador con vistas a facer cousas no eido cultural.

-¿A cultura pode xerar riqueza?

-Si, cando se enfoca ben. Non como se fixo ata de agora, manténdoa artificialmente a base de subvencións. Unha das experiencias das que se falou na xuntanza de creadores foi a dunha empresa de recreacións históricas que traballa na Mariña. Aquí temos infinidade de figuras de relevancia histórica para facer cousas. Somos a capital da Ribeira Sacra e temos que crear sinerxías a partir do reclamo da súa paisaxe.

-¿Non cre nas empresas salvadoras?

-Se queremos recuperar tecido social e económico, non queda outra que recorrer ao que temos máis a man. Na actual situación económica, hai que poñer en práctica novas fórmulas.

-¿Cando se presentou EU por última vez ás municipais en Monforte?

-No ano 1995.

-¿E cantos votos obtiveron?

-Tivemos 471. Coa poboación daquela, era máis difícil ter un concelleiro. Agora, penso que con 500 sería posible.

-Foron moi críticos coa xestión do BNG. Postos a pactar, ¿farían borrón e conta nova?

-Só coa condición de que estean as contas moi clariñas. O requisito sería unha auditoría pública da débeda. Nós estamos abertos a colaborar nun goberno sobre a base dun cambio de rumbo claro. Para iso están as dez propostas básicas que recolle o noso programa electoral.

«Intentamos chegar a un acordo con Esperta Monforte!, pero non foi posible»

Alternativa Galega de Esquerda diluíuse en coalicións electorais nun bo número de concellos de Galicia. En Monforte, pola contra, non se chegou a producir ningunha integración. «Nós intentámolo con Anova e Esperta Monforte. No caso desta plataforma veciñal, participamos de feito na asemblea na que se constituíu. Conforme foi avanzando o tempo, ningunha destas opcións contemplou a posibilidade dun pacto», explica Carretero.

-Anova decidiu non presentarse ás municipais, ¿cales foron as causas do desacordo con Esperta Monforte!?

-Eles querían aprobar antes a lista que o programa e nós non podíamos aceptalo. No programa está a base de calquera proxecto político. De todos modos, non tiramos a toalla. A vida non remata aquí e agardamos que a esquerda social sexa capaz de aglutinar forzas. E cuestión de tempo, de madurez.

-¿Que valoran peor da xestión municipal?

-As privatizacións de servizos, o desastre da praza de Abastos e a falta de solucións ao conflito de Aqualia. Tampouco compartimos o actual contrato do lixo, os custes non son asumibles.

-¿Subscriben algo como positivo?

-Compartimos o afán por humanizar Monforte, pero con outro enfoque. Darlle vida ao río tamén é facer un saneamento en condicións para que non sigan os vertidos.