Pilar López: «Hai que priorizar, non pasa nada se hai que traer unha orquestra menos»

mariluz ferreiro MONFORTE / LA VOZ

ELECCIONES 2016

CARLOS CORTÉS

Debuta como cabeza de lista e coa intención de «ser feliz alí onde estea»

13 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Sorrí. Tamén ao falar dun dos últimos libros que pasaron polas súas mans: El arte de no amargarse la vida. Despois de catro anos de concelleira, Pilar Gómez (Monforte, 1973), é a candidata do BNG en Monforte. Intentará recoller o bastón de mando do tamén nacionalista Severino Rodríguez, que gobernou durante doce anos.

-¿Que tal o debut de candidata?

-Con moita ilusión e responsabilidade. Non foi fácil tomar a decisión. Este traballo é duro e complicado.

-¿Por que decidiu dar o paso?

-Severino tomou a decisión de non presentarse como candidato en outubro. Hai doce anos el iniciou un proxecto, modernizou Monforte, e nós temos que continuar. Non podemos abandonar.

-A sombra do alcalde é alargada. Para ben e para mal.

-Eu non vexo sombras. Todos son luces. Creo que todo son vantaxes. Severino é unha referencia. Un home moi dialogante. Deixou o listón moi alto.

-Segundo as enquisas de Sondaxe, é vostede a máis valorada dos candidatos de Monforte, pero a menos coñecida.

-Hai que seguir traballando. A enquisa boa é a do 24 de maio.

-As enquisas de agora non dan maiorías absolutas. ¿Como está o tema dos pactos?

-Non é o momento dos pactos. Como dixen, hai que traballar, e non só os 15 días de campaña. Pero a nós gústanos o consenso. O consenso é necesario, independentemente dos resultados das eleccións.

-¿Que cousas pendentes quedaron do anterior mandato?

-Fixéronse moitas cousas, pero quedan moitas por facer. Non hai os recursos de antes, son os que son. Hai que priorizar, se teño que traer unha orquestra menos, non pasa nada. É de sentido común. E seino porque eu neste mandato fun a encargada de Cultura e Benestar. As persoas son a nosa prioridade.

-¿Alguén lle protestou por aforrar nas últimas festas?

-Hai de todo. Fixemos unhas festas austeras, pero dignas, en agosto. Pero temos moita variedade de actividades durante todo o ano. Intentamos desestacionalizar o turismo. A Feira Medieval, por exemplo, ten moito éxito. Os donos dos bares están moi satisfeitos cos resultados económicos.

-¿Hai presión nos lugares onde o BNG se xoga gobernos despois de afrontar malos resultados noutras eleccións?

-Todos os partidos políticos deben reflexionar sobre os resultados, para ben e para mal. Pero o que a nós nos interesa neste caso é Monforte, non outros comicios.

-¿E aquí nota que a xente está máis farta dos políticos?

-Detesto e repudio a corrupción. Podo entender a desafección á política cada vez que sae un caso. Sobre todo comprendo á xente que ten necesidades, a que ten nenos e non pode chegar a fin de mes. Pero non somos todos iguais. Sucede como no resto de ámbitos da vida. Hai xente perfectamente honrada, traballadora, comprometida, que quere axudar aos veciños. E sobre todo falo da política local.

-¿Tocoulle a lotería que caeu na cidade o día de Reis do 2014?

-Un pellizquiño. Foi un premio moi repartido. Falabámolo coa xente e comentabamos: «A ti tamén che tocou». A xente tapou buratiños. A hipoteca e cousas así. Tamén houbo compra de coches.

-¿Que quedou da iniciativa que naceu entón, Semente Monforte?

-A participación foi ilusionante. Houbo unha selección de case noventa proxectos de emprendedores e catro resultaron gañadores. Implicáronse importantes empresas galegas. Pero tamén se compraron alimentos para Cáritas e axudouse a persoas con problemas.

-É profesora de galego, ¿axúdalle iso a levalo mellor cando hai lío no pleno municipal?

-Dou clase en secundaria. Nunca tiven problemas cos alumnos. Cando fago gardas no patio veñen comigo. Pero o de saber estar e escoitar vai na persoa. Eu sempre fun dialogante e aberta a todo o mundo. Trato de ser feliz. Fun feliz cando traballei como comercial, e son feliz dando clase e na política. Pero traballando sempre.

-¿Como está a saúde do galego?

-Está moi maliño. Desde a Xunta deberían defender máis o galego como sinal de identidade. Pero tamén somos responsables os cidadáns. Se se fala non se perde.

Máis persoal

-Unha cidade distinta da súa.

-Donostia encantoume. Tamén me gustou moito Roma. Pero hai moitos sitios.

-Unha materia que se lle atascou.

-Quizais o latín de primeiro de carreira.

-¿Ten mascotas?

-Non.

-¿As últimas vacacións?

-En Barcelona.

-En poucas palabras: Vence.

-Dialogante, pódese falar con el.

-Julia Rodríguez, a súa adversaria do PP en Monforte.

-Non coñece a realidade monfortina porque está moi pouco por Monforte.

-Feijoo.

-Só se acorda de Monforte nos 15 días de campaña. Temos que recordarlle que é asegunda cidade da provincia.