DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Impulsados pola UVigo e a empresa tecnolóxica MN Program están dotados con 3000 euros 

Nacen os Premios da Cátedra MN para distinguir o espírito emprendedor do alumnado das ramas de enxeñaría 

As propostas poderán presentarse ata o vindeiro 24 de xullo 

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PDI
  • Vigo
  • Premios
  • TIC
  • Universidade e empresa
  • Investigar
DUVI 03/06/2020

Froito da colaboración entre a Universidade de Vigo e a empresa tecnolóxica MN Program e ao abeiro da Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico, que dirixe a catedrática Carmen García Mateo, nacen os Premios da Cátedra MN, dirixidos ao alumnado universitario das ramas de enxeñaría. Os galardóns, que terán tres categorías para os mellores Traballos Fin de Grao, Fin de Mestrado e Proxectos da materia Laboratorio de Proxectos (LPRO) do Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo, nacen co obxectivo de distinguir o espírito emprendedor, ao tempo que se impulsa a innovación tecnolóxica e se recoñece a valía do alumnado. En total, nesta primeira edición dos galardóns, concederanse sete premios, por un importe de 3000 euros. 

A convocatoria, á que poden concorrer estudantes de grao e mestrado e da materia LPRO, estará aberta ata o 24 de xullo. A calidade, orixinalidade e innovación do traballo, achega persoal do alumnado e grao de adecuación do proxecto ás áreas de interese da Cátedra MN, serán os principais aspectos que se valorarán das propostas recibidas, nas que tamén se terá en conta aspectos como o grao de utilidade e aplicabilidade, ou a viabilidade do proxecto.

Unha cátedra para impulsar a colaboración na actividade docente e investigadora en áreas TIC

Financiada con 30.000 euros, a Cátedra MN en Emprendemento Tecnolóxico púxose en marcha en novembro de 2019 e ten como liñas de actuación estratéxicas a colaboración na docencia e na investigación, especialmente no ámbito TIC; a creación dun programa de captación de talento que teña por finalidade a formación de excelencia de alumnado da Universidade de Vigo; o impulso de actividades que permitan crear espazos de debate e difusión da actividade docente e investigadora do ámbito da innovación tecnolóxica no ámbito TIC, e a promoción de actuacións que estimulen a capacitación, especialización e actualización de competencias de membros da comunidade universitaria e profesionais alleos á mesma atendendo ás necesidades competitivas da empresa.

Tendo en conta estas liñas de actuación, as áreas tecnolóxicas de especial interese son: a automatización robótica de procesos, a identificación biométrica, a enxeñaría lingüística e interfaces de voz, técnicas avanzadas de intelixencia artificial e a xestión avanzada e masiva de datos /(Big Data).