Opinión

Artigo de María do Carme García-Negro, Universidade de Santiago de Compostela

"Con Alfonso Paz_Andrade convivindo nun Estado Galego"


María do Carme García Negro     08/06/2021 08:51:25

Alfonso Paz-Andrade Foto: Archivo IP
Unha vida é toda a vida, máis tamén como se vive ao longo dela. Unha vida non é o que desexaría facer despois, cando poida, senón a dignidade con que se vive cada instante. Eu sentín que Alfonso Paz Andrade aprendeu iso guiado por dúas forzas básicas o cariño interno familiar e o exemplo público do seu pai e dos compañeiros que viviron a diario como se fosen cidadáns dunha nación, con todos os atributos propios dun estado de seu.

Alfonso continou o labor de Valentín Paz Andrade en Industrias Pesqueras, en empresas pesqueiras, en organizacións empresariais da pesca, en representación internacional da pesca galega, en situala na esfera internacional; en fin, transcendeu coas súas obras e co uso dos símbolos propios da Galiza, coa forma máis acaída e nobre posíbel, o marco institucional- estreito unhas veces, estreitado á mantenta outras-no que nos movemos.

De facto, nunca considerou que os proxectos, os plans e mesmo os soños, han estar limitados á cativeza mental ou inmediata da realidade aparente: criou empresas propias, animou outras e estivo sempre presente no estudo e consideración de dúas compoñentes vitais do futuro do noso país: o crecemento material con benestar e innovación e o recoñocemento da conciencia propia grazas á colaboración interempresarial e o afortalamento da autoestima galega.

Saúde e Terra